menu Menú
A COPULAR!
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en agosto 10, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
MAÑÁ 'LA CANCIÓN DEL NÁUFRAGO' VAI ANTES Anterior VOLVÍN Siguiente

parto

As ideas máis revolucionarias chegan no intre menos esperado.

Este serán, por exemplo, fun, como tantas tardes, coa miña pequecha ao parque. Estabamos alí só outra nai e eu. Uns cinco cativos e cativas máis, pero as súas nais/pais vixiaban dende os bancos. Escoito falar á outra nai. Fala galego. Eu falo coa miña nena. En galego. De súpeto decátome de que todos os adultos que estamos no parque, rodeados de nenos e de nenas, falamos en galego. Déronme ganas de lle dicir á outra muller que tiñamos que decidir quen dos dous iamos pasarnos ao castelán, non fose aparecer alguén por alí e nos culpase de «ideoloxizar» aos infantes ou algo así.

Uns dez minutos despois apareceu un avó co seu neto. Faláballe nun fermoso galego do máis natural.

Excitadísimo, pensei que estaba a soñar. ¡Vivía nun país normal! Nos parques suecos falarase sueco, nos parques ingleses inglés, e nun de Vigo, galego.

E daquela, ao tempo que espertei porque entraron unha manchea de nais (as dos bancos) cos bocatas para os seus retoños, falando todas nun castelán con acento galeguísimo das Rías Baixas, tiven a idea luminosa:

Se resulta que a meirande parte dos pais/nais galegos queren un ensino en castelán,

Se resulta que o PP di que hai que respectar a vontade das maiorías, que iso é liberdade e democracia

Daquela, o único que cómpre é conseguir que os que falamos sempre en galego aos nosos vástagos e vástagas teñamos unha manchea de fillos e de fillas.

Así seremos maioría e, exercendo a nosa liberdade e democracia, os do PP primarán o ensino na nosa lingua.

Botei un cálculo así polo aire e decateime de que, se cada parella galegofalante ten unha media de quince fillos e, estes, á súa vez, outros tantos, en dúas xeracións somos democraticamente unha lingua liberada.

Así que xa saben.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar