Os primeiros filósofos definiron a felicidade, independetemente da escola de pensamento á que pertenceran, no fondo, como un estado de calma. Non tanto un “eu paso de todo”, canto un “sei que iso que tanto vos preocupa en realidade non é tan importante”. E reflexionando sobre todo iso deixáronnos verbas como ataraxia, ou conceptos como o de vida contemplativa, ou serenidade de ánimo, para nos guiar no camiño da senda da felicidade. Logo viría o pensamento cristián a escangallalo todo propoñéndonos alcanzar a santidade e os ceos, previa renuncia a todo o que de verdade paga a pena na vida.
Quedo coa calma dos clásicos gregos. Aspiro a iso e só a iso. Quizais porque é domingo e os domingos teñen, ou merecen, esa quietude. De feito, penso que todos as tardes deberían ser como os domingos á tarde. Ou como as baladas de Paul McCartney. Ou como os ollos daquela muller que se cruzou cos meus o outro día no aeroporto. Ou como a aperta que un pai grandísimo, un xigante que estaba ao meu carón tamén no aeroporto, se daba coa súa pequecha cando lla entregou a azafata, ao tempo que, chorando coma un neno moi cativo, repetía: grazas, grazas, grazas por vir… Todas as tardes deberían ser así: unha lagoa de calma ou de vida ou de eléctrica realidade que nos volvese lembrar que é o que importa.
Os cronistas avisan: a economía vaise para o carallo; o outono vai ser criminal. Os xornais repiten As Verbas Predilectas da Hecatombe: pánico, abismo, creba… Moitas xentes das que nos rodean ceiban berros de espanto diante do mal resultado colleitado polo seu equipo. Cando saín a mercar o xornal esta mañá vin un home patear o capó do coche ao tempo que facía referencias á súa nai (do coche). No bar, á hora do aperitivo, unha parella nova insultaba, e a súa face daba medo, a un piloto de Fórmula 1 que seica non daba adiantado dunha vez…
Quero andar pola vida como se sempre fose domingo á tarde. Coa quietude das rúas baleiras. Co aire todo ao meu dispor. Coa luz ampla que me gratifica que hoxe non ande case que ninguén pola rúa. Coa pel toda excitada porque a vida é moi excitante.
A vida.
Non os mercados.
Así quero vivir.
Vestido de domingo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.