Cando unha biblioteca municipal – xa que logo, infradotada, pouco usada, obsoleta… pero biblioteca despois de todo – é utilizada para facer dentro botellón e conectarse a Internet para ver porno, digo eu que iso debería de significar algo. Como síntoma, digo.
Baixos niveles de lectura, si. Ás bibliotecas nos últimos tempos só van os estudantes a ler os seus apuntes de clase ou os vellos a ler o xornal. Pero os botellóns están petados de xente. As bibliotecas agora están conectadas a Internet, en teoría, para pescudar información que complemente o que xa hai nos andeis. Mais alguén decide colarse pola noite non para ler senón para facer botellón e, de paso, dedicarse a pescudar na Internet, si, pero imaxes porno para despois poñelas como fondo de pantalla. Dedicado aos que veñan pola mañá e prendan os ordenadores. Que comecen o día con alegría…
Todo isto no Faro de Vigo de hoxe.
Para completar o asunto, o mesmo xornal cóntanos que tres mozos foron identificados por poñerse a dar paraugazos á vaca Cowlumbus que está na Rúa do Príncipe de Vigo, como parte da Cow Parade ( á pobre vaca, hai pouco, xa lle arrincaran os cornos; e desde hai uns días “luce” a sinatura que lle puxo alí algún artista ).
E a ver, que ninguén se me alporice. Isto non vai contra da mocidade e que malos son e hala, veña, pulisía. Para nada ( de feito, os da vaca tiñan máis de vinte anos todos eles ). Isto non vai contra dos mozos. A meirande parte deles nin asaltan bibliotecas pola noite para facer botellón e darlle ao máis turbador iso do porno, nin maltratan as esculturas públicas. Ao que me refiro é a que estou certo que algo ten significar o feito de que se maltraten tanto os espazos da cultura. Algo debe explicarnos este tipo de feitos, sobre a sociedade na que vivimos. Que non se respecte unha biblioteca. Ou que se pinten as esculturas ( ao Nadador de Leiro, na viguesa Praza da Estrela, xa se lle fixo de todo nestes anos ). A pregunta é sinxela: ¿é unha explicación dos tempos nos que andamos o desleixo que se demostra por todo o que recenda a cultura?. ¿Ou é que non é para tanto?
( Se tes vagar, opina sobre isto pero non esquezas a nosa pescuda . Levamos unha semana e a satisfacción non pode ser máis grande ).
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.