menu Menú
TRES
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en noviembre 6, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
OITO Anterior HOXE ÁS 19.30 EN COMPOSTELA Siguiente


De toda a vida, cando alguén quería que algo fose tomado en serio, aspirábase a que a Universidade, como Templo do Saber ( soa cursi, pero neste contexto vale ) se ocupase dese algo. Se unha disciplina, por exemplo, pasaba a ter rango universitario, daquela, era digna de ser tomada en consideración como unha entelequia digna de seu. Mirade, por exemplo, o que ten pasado coa informática.

Xa que logo, poderiamos dicir que unha das maneiras de saber o interese social existente sobre calquera cousa sería vendo se forma parte ou non da vida universitaria, se os señores catedráticos se ocupan do seu estudo, se os estudiantes se dan de labazadas por entrar nesa carreira.
Tendo isto na cabeza, pensemos no galego.

Se o que escribín no primeiro parágrafo deste artigo é correcto, daquela, mirando o número de estudantes que se meten na carreira de Filoloxía Galega poderiamos entender o interese social real que hai por esta parte da nosa realidade. E como sodes moi listos, xa teredes asociado a palabra, o número que encabeza este artigo, coa cantidade de alumnos que a estudan.
Pois si.
Tres.
Un, dous e tres.
E punto e final.
Na Universidade de Vigo, este ano entraron oito alumnos a estudar Filoloxía Galega, pero, o pasado, só tres.

Non me digan que non é significativo. Lemos sobre a perda de falantes. Lemos que a cada día que pasa é máis difícil atopar un nativo que teña a súa lingua natural («galego» quere dicir «de Galicia» ) como a primordial. Lóxico que nos sobren os dedos da man para contar o número de interesados en estudar, desde un punto de vista académico e científico e, xa que estamos, serio, unha lingua que, ao paso que vai, está comezando a adquirir rango de especie (des)protexida.

Cumpriría que reflexionásemos sobre este tipo de cousas: por que todo o mundo se presenta aos castings, ou como se escriba, dos programas de telerealidade, pero ninguén quere estudar Filoloxía Galega.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar