menu Menú
UN ATAQUE DE RISA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en mayo 9, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
Vou pedir responsabilidades Anterior Pum, pum, pum, pum Siguiente

Leo que o Banco Central Europeo dá un ultimatum a Grecia, así, en plan mafioso. Leo que hai que meter cartos de todos (os que non hai para dependencia, educación, cultura…) en Bankia e que hai que procurar que os bancos, pobriños eles, non perda os seus beneficios (que non reparten con nós). Leo que os afectados polas preferentes -que manda truco, os bancos timando- están aínda con máis medo que antes porque ignoran como vai quedar o asunto cando a que era caixa galega de todos (posta en pé entre todos, apoiada por todos, fornecida economicamente por todos, e dentro de nada, en propiedade privada de mans privadas duns poucos) sexa absorbida-mercada por outra entidade. E daquela dame por pensar como foi que chegamos ata aquí, como foi que a democracia chegou a este punto.

Ou sexa: como é que, dun xeito máis que descarado, os bancos, os mercados, os brokers da Bolsa ou a vida, os ladróns de traxes caros son os que nos gobernan.

A palabra democracia xa sabedes, significa poder do pobo. E eu, que vos leo moitos libros de historia, sigo alucinando cando vexo aquela democracia primeira, a de Atenas, na que todos os cidadáns tiñan a facultade de procesar aos mandatarios (o mesmo Pericles, que foi durante décadas escollido para gobernar a cidade tivo que soportar -e perder- un proceso de ostracismo que acabou coa súa expulsión temporal da polis), na que todos tiñan que ser maxistrados, nas que todos tiñan que ocuparse, nalgún intre, das contas do estado. Loxicamente, iso non é algo que poidamos asumir hoxe. Pero si que lle daba un certo sentido a iso de poder do pobo.

Na infancia, lin, e non entendín moito pero algo quedou (logo, maís medrado, xa lin con consciencia), aquela tira famosa de Mafalda na que a rapaciña vai buscar ao dicionario a definición de Democracia e éntralle un ataque de risa que lle dura todo o día.

Corenta anos despois de que Quino debuxase esa tira, seguimos na mesma situación. Aínda que peor, pois, en efecto, pasaron décadas e teriamos que ter mellorado.

O pobo non goberna. Os mercados si. Os bancos si.

E daquela, dános por rir.

Aíndaf que ao mellor tiñamos que poñernos serios.

Moi serios.

E a ver que pasaba se todos nos puxeramos serios.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar