Hai anos xa me pareceu escandaloso, cando me enterei, que existía o Grupo Bilderberg. Para os que non estean ao loro do que falo, ven sendo un grupo de xente influínte que, unha vez ao ano ou así, reúnense, sempre en hoteis de luxo, para manexar os fíos do planeta, para tomar as grandes decisións, para marcar as grandes liñas de actuación que despois seguirán gobernos, grandes multinacionais e fabricantes de guerras para mellor dirixir o cotarro, por suposto, na liña na que ao exclusivo grupo lle interesa. Na reunión que fixeron en 1989, no hotel da Toxa, participaron Felipe González, Henry Kissinger e a raíña Sofía, entre outros.
Agora, leo que van andar entre o 3 e 6 de xuño no hotel Dolce Sitges. E a prensa, en troques de aproveitar para escandalizarse, cóntao como quen di que o Diges cantou dúas veces. Cando, se nos paramos a pensar un pouco, o asunto merece un mínimo escándalo. Porque se o tal grupo ten esa capacidade para manipular a realidade segundo o que eles consideran correcto (ímolo deixar así), daquela, ¿onde vai a democracia?, ¿onde vai a liberdade? Se o grupo realmente manda tanto como din que manda e figura nalgúns libros e notas de prensa, daquela, podemos afirmar que todo é unha enorme mentira e que non hai por que esforzarse en procurar explicacións políticas racionais a case que nada porque, a fin de contas, todo o que pase esta boa xente xa o terá decidido antes.
E falo de escándalo porque para estar nese grupo hai que ser, como imaxinarán, poderoso, rico, influínte a determinados niveis, nobre… E falo de escándalo porque a existencia de semellantes grupos implica, no fondo, que todos somos menores de idade e precisamos destes pais e destas nais que nos tutelen, nos coiden e decidan como debemos vivir, ou, poño por caso e por dicir calquera cousa, que agora toca inventarse unha macrocrise económica e, coa mesma, cargámonos para sempre os dereitos laborais, os sindicatos e a nai que nos pariu.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.