menu Menu
Un home que non dá a man
Texto de homenaxe ao pintor Antón Pulido publicado en Ágora do orcellón (nº 34)
Por Francisco Castro Publicado en Para ler en Decembro 18, 2018 0 Comentarios 2 min lectura
TOTA LA CULPA ÉS DE YOKO ONO Anterior COMPENDIO DE PÁNICOS Seguinte

Somos seres fugaces. No total da eternidade non somos case que nada. Un fragmento de instante de anaco de diminuta fracción de case que nada. Malia así, ou quizais por iso, tentamos teimudamente non desaparecer, deixar pegada, transcender, dialogar co futuro a través do que fixemos cando estabamos neste presente noso, tan curto, tan instantáneo, tan de xaora. Por iso non morremos mentres alguén nos lembra tal e como eramos. Por iso, tamén, escribimos libros, gravamos discos, pintamos cadros…

Na obra de Antón Pulido hai méritos dabondo para conseguir esa permanencia no tempo que garante a arte. Non todos os libros resisten o paso da eternidade. Nin son moitas as cancións que conseguen ser tranxeracionais. No mundo da arte, o nivel é igual de alto e a obra de Pulido xa ten máis que demostrado que ten dereito a permanecer e ser inmortal.

Mais, sendo isto así, eu sei que tamén o será por ter feito algo que moi poucas persoas teñen a honra de poder facer. Refírome a poder intervir na súa cidade. Porque Pulido -que me perdoen as amigas e amigos de Bóveda de Amoeiro- é xa vigués. Ou é vigués de segunda nacencia ou como queiramos dicilo. E o é porque a súa pegada está xa para sempre presente na esencia anímica da cidade. A Praza das Apertas de Vigo, no cruce de Peniche -máis de Vigo non pode ser- é obra súa.

Reparade no nome, significativo, descritivo a máis non houber: a Praza das Apertas.

Prazas hai un mundo delas. Case que tantas coma estrelas no ceo. Todas con nomes ben descritivos e nobres. Da Concordia, da Vitoria, da Constitución…pero non coñezo Prazas das Apertas (agás a de Pulido), como non coñezo -igual hai- Praza da Vida, Praza do Corazón ou Praza do Bico. Igual as hai, pero eu non sei. E poden crerme que teño viaxado moito e son dos que deixa os zapatos percorrendo rúas infinda alí onde vou. As que veñen nas guías e, sobre todo, as que non veñen.

En Vigo hai unha Praza das Apertas do mestre Pulido. Un espazo cheo de cor onde antes non había nada. Un lugar onde habita ese universo cromático de seu que tan ben coñecemos e admiramos. A Praza das Apertas só podía ser obra de Antón Pulido.

Un home ao que nunca lembro ter dado a man. Sempre me aperta.

ágora do orcellón antón pulido


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar