menu Menu
Unha reflexión (amarga) dende Boloña
Un sector cultural desatendido
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 2, 2019 0 Comentarios 3 min lectura
Presentación de IRIDIUM na Coruña Anterior A inmortalidade Seguinte

Un ano máis estou na Feira de Boloña, a cita máis importante do sector editorial relacionado cos libros infantís e xuvenís. Como o ano pasado, desta volta os membros da Asociación Galega de Editoras imos con stand propio, xa non, como foi durante moitos anos, en colaboración coa Xunta de Galicia. Imos sós. Así que en Boloña está o da Xunta de Galicia cunha cativísima (diminuta) mostra de libros galegos. E logo está o espazo da AGE, que nos custa moito esforzo de todo tipo, lugar de traballo onde recibimos a axentes literarios, ilustradores/as, editores/as e a todas cantas persoas teñen que ver co noso oficio. É un lugar para facer negocios. Para mercar dereitos de obras que nos gustan e, tamén, para tentar que os nosos autores e autoras sexan vendidos a outras linguas.

O stand da AGE está, digamos, na “zona española”. Por alí andan as editoriais máis potentes do Estado e os amigos de Valéncia, Euskadi e Catauña. Sobre todo, de Cataluña. Ademais de grandes stands froito da súa potente facturación, está o Institut Ramón Llul. Un stand enorme cheo de profesionais que falan varias linguas, que depende do goberno catatán e que ten como finalidade, entre outras, PROMOVER A TRADUCIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN DA LITERATURA E DO ENSAIO FEITO EN CATALÁN. Traballan niso todo o ano. Teñen unha asignación importantísima de cartos da Generalitat e se pode dicir sen esaxerar, que fan un labor equivalente ao que o Instituto Cervantes fai polo español. A outro nivel. Pero con ese espírito.

Eles o teñen. Nós, non. Os vascos teñen a súa propia institución dedicada a iso: o Txepare.

E nós que temos?

Nada. Nós non temos nada.

Levamos dicíndollo aos diferentes responsables culturais de Galicia que necesitamos un apoio similar. Non falamos de cartos, que ninguén se engane. Non falamos de que nos paguen as viaxes ás feiras. Non falamos de que nos merquen as edicións. Non falamos de nada diso. Falamos de apio. Falamos de crer no país. Falamos de empuxar a unha literatura e a uns creadores que merecen dos seus responsables políticos ese apoio. Falamos de que a Xunta de Galicia (non de Vietnam do Norte, senón a nosa) entenda que de nada vale falar da calidade da nosa literatura se logo non hai un apoio real. E real significa cartos, recursos, personal, programación, ambición. En definitiva: amor polo propio.

Non é de calidade contrastada a nosa literatura como para que se cree un organismo polo estilo que promova que as autoras e autores de nós sexan coñecidos fóra? Por que hai tantísimos autores cataláns que chegan a tantísimas latitudes mentres que en Galicia quen consigue ser traducido é porque sebuscalavida ou ten a sorte de ser fichado por unha axencia ou, nun día inspirado nunha feira, os editores somos quen de convencer a outro alguén de que aposte por eles?

Estamos sós. E traballamos duro. E imos seguir traballando aínda que sexa nestas condicións adversas. Pero que as autoridades culturais do país nos tomasen un pouco en serio tampouco ía molestarnos. E ao país, por certo, tampouco.

age editoras galegas feira de boloña libro galego xunta de galicia


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar