menu Menu
UNHA SOCIEDADE DE PARVOS?
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 13, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
Merecemos outros medios Anterior ISTO SI QUE É PARA INDIGNARSE Seguinte

Teño para min que se pode saber o nivel dunha sociedade investigando que é o que len os seus nenos e nenas. E se iso é certo e botamos un ollo para atrás, e nos preguntamos que era o que liamos antes, ou que era o que antes se consideraba lectura infantil e o que hoxe se entende por literatura para cativos/as, penso que podemos caer nunha certa depresión que, de paso, vai servirnos para explicar algunhas cousas.

Todo isto como introdución ás palabras que onte lle lin a Fabrice Gaignault, un xornalista que vén de publicar o libro, creo que absolutamente prescindible por outra banda, Diccionario de literatura para snobs, cando responde á pregunta do xornalista arredor de cando se decatou de que era un esnob:

Tiña 13 anos e estaba devorando París era unha festa, de Hemingway. Todos os meus compañeiros adoraban O vello e o mar. A min, persoalmente, parecíame inaturable aquela tendencia a narrar as relacións humanas dun xeito tan didáctico e tan simple.

O que nos está contando este señor é que cando era un cativo, cando tiña trece, el e outros lían a Hemingway. Hoxe, a meirande parte dos rapaces ou rapazas desa idade serían incapaces… e a meirande parte dos adultos e adultas… tamén. E no caso dos miúdos eles non son culpables. Montámoslles uns sistemas educativos que fomentan moi pouco o uso intelixente de, perdón pola redundancia, a intelixencia.

Se comecei dicindo que podemos saber o nivel dunha sociedade polo que len os máis novos, agora podería dicir que unha sociedade que consume best-sellers (no senso máis superficial da categoría) dun xeito compulsivo, tamén está dicindo moito de si mesma. E como apuntaba ao comezo, isto ten toda clase de consecuencias, incluso, por suposto, políticas.

A sociedade está infantilizada no peor senso da expresión. Dámoslle lecturas doadas con moralina para que lean, si, e por suposto que mellor iso que nada, pero cómpre reflexionarmos sobre o feito de que significa esta baixada de nivel. E, insisto, en moitos outros ámbitos. Lembren aquel programa, La Clave, da nosa infancia: uns tipos falando durante horas, usando argumentos, respectando a quenda de palabra… igualiño que Sálvame. Se hoxe un programador de televisión suxerise facer algo así despedíano en cousa de minutos.

Algo debe significar todo iso. Estou segurísimo.

Como segurísimo estou de que é algo planificado e feito moi a mantenta.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar