Leo que acusan ao alcalde de Cambre, de poñer practicamente o Concello enteiro a disposición da voda da filla do dono de Zara, para «botar unha man». As acusacións, que parten de EU, deixan claro que un servizo público non pode dedicarse a atender cerimonias privadas, case no concello Marta Ortega ou, eu que sei, Bob Esponja e Patricio.
Cando casou esta muller, eu andiven dando a paliza no twitter queixándome de que as teles estiveran dando, practicamente, programas especiais sobre o acontecemento. Que non é acontecemento ningún. Acontecemento sería, por exemplo, que Inditex destinara un un por cento, non digo máis, a promover a cultura galega, ou, mellor, a investigar sobre o cancro, por dicir calquera cousa. Pero que case a herdeira, non debería ser obxecto de tal magnitude xornalística, a non ser que se queira, como se quere, que a xente se volva idiota.
Centrándonos no comportamento do alcalde de Cambre, a cousa explícase só dende o papanatismo. O outro día, vendo Salvados, esa marabilla de programa que emite La Sexta e que xa podían tomar como referente outros, Jaume Matas sinalaba que se era o duque de Palma quen lle entraba pola porta, que era lóxico que quixese recibilo a calquera hora e onde el quixese. Outro tanto fixeron Rita Barberá, esa muller humilde, e Camps, desastrado. Hai quen sinte unha especie de orgasmos emocionais ao tratar con segundo que persoas. Por iso falo de papanatismo. Porque esas persoas supostamente especiais (urdangarines, martasortegas, preislers, etc.) en realidade son coma ti e coma min. Incluso, mira ti, van o baño.
A miña opinión xa a coñecedes: nun estado democrático onde a igualdade é a base da organización política, todo o mundo ten que ser tratado por igual. E daquela, esixo, xa, que desaparezan os títulos de duques, marqueses, condes e todo iso. Ou, se non, que calquera poida selo, aínda que o Rei non o diga. Eu pídome ser Conde de Teis e Marqués do Toural.
E xa imaxino aos papanatas todos facéndome a pelota unha e outra vez.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.