menu Menú
VOU FACER UN STREAPTEASE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en noviembre 10, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
CRÓNICA DE PORTO Anterior CONTRA O BOÍSMO Siguiente

Como xa dixen, venres e sábado estarei participando nos 16 Encontros luso-galaico-franceses do libro infantil e xuvenil en Porto. O primeiro día falarei como editor, centrándome nos novos soportes de edición e os retos que se nos aparecen aos editores diante dos eBooks, os iPads, etc., todo iso do que levamos, xa, anos falando, e que por fin son realidade.

E o sábado terei que espirme diante de todos, grazas a Montse Pena Presas, crítica literaria e lectora das mellores que coñezo, quen preparou unha entrevista completísima que me obriga a pensar, moito, sobre o que é a literatura para min, as miñas motivacións á hora de escribir, e o senso último da miña literatura. Ela tomouse un traballo enorme, que agradezo e que me enche de ledicia, procurando cousas que fun escribindo tanto neste blog como noutros lugares por aí, entrevistas… e, por suposto, centrándose en toda a miña obra, non só na infantil e xuvenil, para sacar frases dende as que pensar, opinións que fun deitando alí e aló e que configuran, coma un puzzle agora con sentido, a miña visión das letras e do mundo.

Así que, grazas ao seu talento de entrevistadora e de estudosa da miña obra, falaremos de por que son escritor e non outra cousa, como explicar que tocase tantos xéneros (narrativa histórica, erótica, ecolóxica, socialrealista…), como foi evoluíndo a miña escrita co paso dos anos, por que escribo literatura para este chanzo de idade (sobre todo tendo en conta que publiquei moitísima narrativa para adultos e adultas antes do meu primeiro libro para mozos/as), o asunto do boísmo, a miña defensa da utopía, a loita polo poder, a crítica social…

En fin, que me sinto un completo privilexiado por ter que enfrontarme a todas estas temáticas e a ter que facer un completo streaptease diante de todos e de todas os que por alí pasedes.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar