menu Menú
¿MÚSICA OU AVIÓNS DE GUERRA?
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en junio 20, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
SARAMAGO. A IGREXA Anterior PAIXÓN MORBOSA POLOS RICOS Siguiente

Nestes intres de crise, non deixa de ser curiosa a maneira na que os noso gobernantes gastan os cartiños. Xa saben: agora non é tempo de gastar en cultura. Agora hai outras prioridades. 

Vale.

Onte, cando xa tiraba para casa coa pequecha, ao pasar polos xardíns de Montero Ríos -un dos puntos grandes referentes para pasear, terracear, e estar a gusto da cidade- escoitamos unha fermosa música. Lembrei daquela que dera comezo o  Imaxina Sons, que xa vai pola sexta edición, e que non só trae a grandes do jazz (a pesar de que non son moi entusiasta, gozo tamén coas Big Band), mete a música na rúa, entre a xente, en prazas, en centros comerciais, nas zonas máis concurridas e populosas. Gloria bendita, vaia. A cultura á procura da xente. E alí nos puxemos, a escoitar á banda que vedes na foto, a Orquestra A Tempo de Pontevedra, formada, ouh gloria, por rapazada entre 15 e 55 anos unidos pola música.

A xornada foi fantástica. Para músicos e para espectadores. E pensei: que gran idea a de sacar os instrumentos á rúa e tocar diante de todos. A cara do público, sorprendidísimo, era de enorme satisfacción. E imaxinen a dos protagonistas, xente nova que leva meses e meses e meses compaxinando estudos, traballos, etc., cos ensaios, e que hoxe, diante dos vigueses e viguesas sorprendidos, triunfaban e levaban de volta os aplausos máis sinceros e entregados.

Agora volvamos ao principio: non hai cartos. E non sei o que custará montar este festival, pero o que si sei é que nin un cuarto dun anaco dun cacho duz pedazo dunha miguiña do que custará o Festival Aéreo de Vigo, xa saben, avións de guerra dando pinchacarneiros polo aire, machacando, de paso, os tímpanos a todos os que non nos interesa o festival para nada.

Daquela, denuncio unha vez máis a hipocrisía duns políticos que prefiren gastar unha millonada de euros nun ¿espectáculo? que nada lle deixa á xente dentro das súas cabezas e dos seus corazóns, cando, con moitísimo menos, poderían estar estimulando a música, o teatro, o deporte e unha morea de actividades que a xente normal de Vigo está desexando que lle deixen mostrar.

¿Ou terá algo que ver o feito de que, segundo o alcalde, o dos avións de guerra metendo bulla polo aire vai ser presenciado -segundo el, ollo- por 400.000 persoas e daquela, todo se reduce -tamén o orzamento para as festas- nunha cuestión de votos?


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar