menu Menú
O PROBLEMA É QUE NON CREN NA EDUCACIÓN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en julio 19, 2012 0 Comentarios 3 min lectura
Ten que haber alternativa Anterior Platón, Esperanza Aguirre, Rita Barberá, Ana Botella, Camps, Rajoy, Fabra e outros intelectuais exemplares Siguiente

Non  negarei que iso de andar a cambiar os curriculos educativos sexa un infortunio. Pois claro que si. Un goberno aproba unha lei de educación e logo vén outro e dálle a volta e os ensinantes e as familias tolean, toleamos. É un incordio innegable, aínda que tamén é consecuencia dalgo profundamente democrático: cada formación política ten dereito a tentar educar á cidadanía consorte un proxecto educativo que, como é doado de entender, ten detrás unha determinada filosofía e unha determinada idea de que tipo de persoas hai que construir para o futuro. E iso é o que explica que un goberno de esquerdas potencie o laicismo e asignaturas como Educación para a Cidadanía e un goberno de dereitas a relixión ou o inglés (na crenza absurda de que é a panacea que vai librarnos de todos os males) e que oriente toda a educación secundaria pensando, como estamos vendo, en termos de mercado (falan sen pudor estes días de saídas profesionais, integración laboral, etc.). E igual para un goberno de esquerdas pesa máis formar persoas e para un de dereitas formar profesionais. E non é pequena diferencia.

Agora, máis unha vez, asistimos á presentación dun novo modelo. Que se desaparece selectividade pero seica vai haber un lote delas, que se vai haber novos itinerarios e que, sobre todo, que os alumnos e alumnas van ter que decidir, incluso antes que o de hoxe, que liña laboral van asumir.

E diante destas reformas verqueranse opinións de todo tipo. A miña tamén, claro. Mais temo que poucas desas valoracións van centrarse no realmente importante, que para min non é outra cousa que entender que o modelo educativo que deseñemos ten que responder, como antes dixen, a unha filosofía e a un xeito de entender ao ser humano. E que a educación  non pode, non debe, ser, nunca, un vehículo para formar traballadores. Mirade ben o que digo: a educación non pode estar ao servizo do mercado, das empresas, do capital, do diñeiro. Criticádeme o que queirades polo inxenuo que soa. Pero, como se está vendo, ter unha boa formación técnica, profesional, titulada, hoxe en día non serve para nada en termos reais de atopar traballo cualificado.

O obxectivo do sistema educativo ten que ser formar cidadáns, persoas capaces de vivir as unhas coas outras, respectándose, entendéndose, soñando unha sociedade mellor que eles e elas construirán dende os seus respectivos eidos profesionais. E moito máis importante que preparalos para atopar traballo ten que ser preparalos para atopar o seu lugar no mundo, que non é, dende logo, o mesmo.

Eu non sei se esta nova reforma educativa mellorará as cousas (en fin, si que o sei, pero agora non importa). O que si sei é que o problema de fondo é que esta xente non cre no sistema educativo nin na educación. Cren, tamén dende as aulas, en que hai que seguir alimentando a roda de producir diñeiro.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar