Hoxe tiven ocasión de comprobar que a nosa lingua é un virus e, xa que logo, que a mellor opción que nos queda é o contaxio a canta máis poboación, mellor.
Coma case que sempre, todo aconteceu no parque, mentres xogaba coa miña filla.
Ela quería subir na rendeeira. Subina.
Ela declarou a súa independencia:
– ¡Soíña!, ¡soíña!
Que ven sendo que non quere que a empurre. A nena que estaba ao seu carón, balanceándose tamén co seu pai, repetiu:
– Soíña, soíña.
O pai, máis ou menos do meu tempo, díxome:
– Que graciosa. Se contagia de la niña.
Sen dúbida, non se refería ao catarro, senón ao galego. Conste que o dixo de bo rollo, dun xeito totalmente inocente.
Ao rato, a miña nena:
– Baixar, baixar.
Que ven sendo que quere ir a outro sitio.
E a nena do seu carón:
– Baixar, yo baixar.
O pai (a min):
– ¿Ves?
– Vex0, si.
Subiu ao balambán. Como é unha arroutada, facía movementos que podían facer que rematase no chan. Eu, pai prudente, advertina:
– Ten coidado pequena, non vaias caer.
Ao momento, outro neno que tamén andaba por alí, freou en seco e véndome, moi serio, declarou:
– ¡Mira, señor, se los números en gallego: un, dous, tres, catro, cinco, seis, siete (o único que dixo mal), oito, nove y dez!
O serán seguiu. Marchamos a unha librería do centro que ten na sección infantil unha mesa redonda pequena con cadeiras igual de pequenas para que os pequechos fedellen nos libros. A miña cativa sentou cos demais. Un neno da súa idade colleu un conto: El pollo Pepe. A miña pequena, que non sabe ler, moi didáctica ela, colleullo e comezou a «improvisar»:
– O polo ía pola rúa e…
Cando xa marchabamos, despois de abrir e de pechar volumes, o cativo berráballe á súa nai:
– ¡Quero o conto do polo!, ¡quero o conto do polo!
Así que, como vedes, pasamos a tarde infectando nenos e nenas.
Igual ese é o camiño.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.