menu Menú
O incrible home-bala
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Noticias, Sermos Galiza en noviembre 3, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
REALIDADES Anterior Se quixesen solucionar o de Cataluña... Siguiente

Agora odio os circos, pero cando era neno un dos momentos mellores do ano era cando instalaban o Circo, así con miaúsculas. Inzaban as paredes con carteis de pallasos, trapecistas e leóns.

De todas as visitas ao Circo, a mellor foi cando chegou O Incrible Home Bala. O cartel era un canón xigantesco cun fulano con bigote de película de cine mudo voando polos aires sen casco nin nada. Vin o cartel e fun correndo, arfando, sen case respirar (caéuseme o bocadillo de Nocilla) a casa do meu curmán Juanito a darlle a noticia: que vén O Incrible Home Bala! Hai que ir.

E fomos.

Pasei toda a función angustiado, porque O Incrible Home Bala non daba saído. Mentres comía pipas atendia sen moito convencemento aos triples saltos mortais sobre o trapecio, aos canciños malabaristas e ao domador que metía a cabeza dentro da boca dun león con cara de aburrido. Xa vira iso mil veces. Que pasase de vez. Eu só quería ver ao Incrible Home Bala.

Para o meu susto, o Xefe de Pista (vestido coma Paul McCartney na portada do Sargeant Pepper’s) anunciou que xa chegaramos ao final do espectáculo. Creo que me deu unha arritmia ou un baixón ou subida de azucre,  non sei moi ben que foi. E ollei para Juanito como dicindo que iso si que non. Por sorte, o Xefe de Pista anunciou que “polas dificultades técnicas do número que imos presenciar, e pola perigosidade case mortal do que os nosos ollos van contemplar, O Incrible Home Bala nos espera fóra para meterse dentro do canón”. Baixei as bancadas ás carreiras, sen esperar por Juanito, que tan emocionado coma min non estaba. Empurrei a unha nena que tiña diante para estar o máis preto posible daquel canón xigante que xuraría que cando entramos, non estaba. Era como o dos carteis. Idéntico.

E apareceu O Incrible Home Bala. E entrou  no canón. E un estourido brutal se oíu e o proxectil humano voou polos aires ata caer sobre unha rede. Coido que cando todos xa marcharan eu seguía alí, aplaudindo e a piques de chorar da emoción.

Lembrei todo isto hoxe lendo o xornal e vendo que Trump lle chama “home-foguete” a Kim Jong-un. Maxineino alí a el, dentro do canón, sorríndome antes de desaparecer pola boca do artefacto. E deume, a verdade, moita mágoa que se me estragase para sempre aquel recordo marabilloso.

(Este artigo saíu publicado no semanario Sermos Galiza o pasado 19 de outubro de 2017)


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar