menu Menu
Cara unha Galicia monolingüe en castelán
Reflexións no Día da Matria 2018
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xullo 25, 2018 0 Comentarios 3 min lectura
Unha viaxe en globo Anterior Francisco Castro habla de ME LLAMABA SIMBAD (vídeo) Seguinte

Rosalía de Castro laiábase de que, dalgunha maneira, ela era “estranxeira na súa terra”. Tantos años máis tarde, os que vivimos en galego en Galicia, os que traballamos na cultura galega, os que insistimos en vivir nun país normal e sobre todo normalizado, onde o galego, lingua propia do país, sexa utilizada con normalidade pola poboación, seguimos sentíndonos coma ela. Estranxeiros que teñen que desenvolvese nun lugar onde a cultura propia resulta finalmente allea a todos os demais. Eses demais que son os galegos e as galegas. Pero para quen o galego é algo foráneo e raro e excéntrico pois non o perciben como algo propio.

Hai uns meses, o Consello da Cultura publicaba un completísimo documento que titulou “Diagnose da cultura galega”. A súa lectura, e sobre todo as conclusións que tira, resulta estarrecedora pois, entre outras cousas, constata que ano a ano perdemos falantes nunha caída libre cara o baleiro, que cada vez somos menos os que falamos coa lingua de aquí. E que a transmisión xeracional, a lingua como herdanza de pais e nais a fillas e fillos, xa non existe e o sistema educativo tampouco a consigue. Pola súa banda, a Real Academia Galega ten publicado os seus propios informes confirmando a nosa viaxe cara unha Galicia monolingüe en castelán. Si, leron ben: imos cara unha Galicia monolingüe en castelán.

Pregúntome, diante destes documentos, como é que os responsables políticos dormen tranquilos polas noites.

Salma Hayek, actriz mexicana que vive dende hai décadas nos Estados Unidos, confesaba hai nada nunha entrevista que ao seu fillo, xa nacido nas terras de Trump, lle faltaba en castelán para que non se perdesen os seus raíces e para axudar a manter a súa cultura. Cando lin a entrevista non puiden deixar de entristecerme ao decatarme de que esa actitude, que sen dúbida é para loubar, non é compartida pola meirande parte das galegas e galegos que, malia saber a lingua propia, seguen refugando dela coma se fose unha enfermidade.

Coa súa actitude, fannos estranxeiros na propia Galicia. Coma Rosalía se sentía.

Hoxe é o Día da Matria. Daquela, celebramos que somos galegas e galegos e lembramos que non existe Galicia, que non pode existir Galicia, sen o galego. É así. Non se pode aceptar a existencia dun lugar no mundo coma o noso, sen a lingua que nos diferencia.

E se iso se perde, se a lingua desaparece ou remata sendo algo residual, daquela Galicia desaparecerá.

E dende ese intre todos seremos estranxeiros nun planeta global onde todo é idéntico, igual e sen vida.

Como xa anunciou Rosalía.

 

día da matria galega día da patria galega día de galicia día nacional de Galicia francisco castro galego


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar