menu Menu
McCartney inspirándose en Luis Eduardo Aute?
Unha historia pouco crible
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 10, 2023 0 Comentarios 2 min lectura
Sen Covid Anterior Unha historia de película Seguinte


Rematei este serán a lectura dun bo libro sobre un músico que sempre foi unha grande influencia en min, como é Luis Eduardo Aute. O título é Entre amigos. Luis Eduardo Aute, queda la música da autoría de José Manuel García Gil e que publica Efe Eme. O libro está realmente ben para os que amamos a Aute e para os que nos sacudiu, e aínda estamos tremendo, aquel disco dobre, Entre amigos, no que Luis Eduardo Aute cantaba con Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Joan Manuel Serrat e o inxustamente esquecido pero grandioso Teddy Bautista. Teño unha primeira edición dese disco que gardo con amor e devoción.

Na lectura do libro, hai un instante no que o autor conta que a Aute lle chegara a nova de que nin máis nin menos que o Let it be dos Beatles fora, dalgún xeito, inspirada polo tema Aleluya nº 1 de Aute que en 1968 popularizara na súa versión inglesa Ed Ames baixo do título Who will answer. Segundo lle contaran, McCartney escribiu o Let it be para contestar esas preguntas e eses interrogantes que Aute lanza na canción.

A historia é difícil de crer. Por suposto que Paul escoitaría a canción de Ames, pero el sempre dixo que a canción chegoulle logo dun sono no que se lle aparecía súa nai (morreu sendo el un adolescente) para dicirlle que estivese acougado, que “deixase estar” (let it be), que todo había amañarse. McCartney sempre recoñeceu as súas influencias musicais e de onde lle viñan ás veces as ideas, doutros músicos ou de onde fora. De ser de Aute, ou de Ed Ames, de certo que o recoñecería.

Amamos a Aute, pero maxinar que nun himno coma o Let it be el tivo algo que ver, seméllanos, cando menos, un asunto revirado…

aleluya nº 1 ed ames efe eme josé manuel garcía gil let it be luis eduardo aute paul mccartney the beatles


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar