Pedíronme da revista Espazo en Construción, un artigo sobre a saúde da nosa literatura para o número especial do Día da Patria.
Como xa saíu, transcribo de seguido:
Pídenme que dea a miña opinión sobre o estado de saúde da literatura galega actual. A simple pregunta que a alguén se lle cuestione pola
saúde de outro alguén xa indica un certo nivel de sospeita de que está maliño ou de que anda en médicos xa ten mala uva. Mais é unha
pregunta lóxica vivindo no país que vivimos.
E, de feito, do estado de saúde de nós, levamos
toda a vida sospeitando e facendo prognósticos,
xa que logo, pouco optimistas. A enfermidade
está tan asumida que de feito xa somos quen de
falar dela abertamente. Por exemplo: o galego
está en vías de extinción, perdemos falantes,
temos autonoxo. Así de evidentes son para nós
os síntomas. Non podemos agachalos. Nin
queremos. Sen embargo, eu quero aquí e agora
facer un diagnóstico diferente e máis optimista.
Tanto sobre a lingua ( o pesimismo non vai
axudarnos ) como sobre a literatura. É certo que
non temos lectores, é certo que cando un escritor
ou escritora de nós vende un par de libros xa se
sente coma Dan Brown, xa sabemos que non nos
coñecen pola rúa, e que nas feiras do libro non
asinamos máis que aos familiares e amigos,mentres que, eu que sei, Boris Izaguirre arrasa, ou calquera futbolista de la roja que se lle dea por escribir ( ou que lle e s c r i b a n ) u n l i b r o( ¿arrasaría un xogador dA
irmandiña de sacar un libro? ). Sabémolo. Todo
iso. E doe. Pero a saúde, en liñas xerais, é boa. E oxalá a sociedade galega e a lingua
galega estivesen tan normalizadas e brillasen
tanto como o fai a literatura galega contemporánea. Porque a nosa literatura non é
mellor que as demais. Pero, ollo, tampouco é
peor. Tratamos todos os temas, e facémolo con absoluta normalidade, con moito xeito e, xa que
estamos, cun monte de estilo. Do que se estea a
escribir por aí estase a escribir por aquí. Os
asuntos que trata a narrativa europea máis vangardista tamén estamos, seguro, a nos ocupar
por aquí.
En definitiva, que os nosos autores e autoras nada teñen que lle envexar, ao respecto do seu oficio de escribidores de fantasías, aos do
resto do noso entorno occidental. Outra cousa
son os dereitos de autor que nos corresponden
aos de aquí e aos de fóra. Outra cousa é o caso
que nos fan os xornais de aquí a nós ou aos de
fóra. Neste último asunto tamén gañan eles. Os
periódicos de aquí cousa inverosímil, pero
certa dedícanche máis espacio se es galego e
escribes en castelán que se es galego e escribes
no idioma propio ( xa se sabe, aos enfermiños
ninguén lles fai caso… ). En fin, que podería citar, mais non o farei para non perder a
amizade de compañeiros e compañeiras de xeración,
uns, poñamos, oito nomes de escritores máis ou menos do meu tempo ( teño 41 ) que están a facer unha novelística de moi alto nivel, con vocación de permanencia e de audacia.
Si. O estado xeral da literatura galega é bo. Outro asunto é que aos galegos e ás galegas, en xeral, o asunto non lles preocupe un pemento (de Padrón ). Por iso non o saben.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.