¿Que pasaría se un goberno decidise facer un plan para talar todas as árbores do país?
Sairiamos todos á rúa dicindo que non, que o patrimonio natural galego é algo irrenunciable e que ninguén ten dereito a quitarnos algo que é noso. Tanto verde é noso e debemos defendelo.
¿Que pasaría se un goberno dixera que vai elaborar unha lei para que se poidan destruír todas as praias de Galicia para erguer no seu lugar urbanizacións?
Sairiamos todos á rúa a manifestarnos dicindo que non, que tanta beleza non pode ser esquilmada en nome do capitalismo máis noxento. Que a natureza galega é nosa e que debemos defendela.
¿Que pasaría se un goberno decidise prohibir a pesca en Galicia e queimara todos os barcos?
Sairiamos todos á rúa berrando moi tristeiros que a pesca é algo máis que un xeito de vida en Galicia, que é a nosa riqueza, que iso é algo sagrado. O noso mar é noso e debemos defendelo.
¿Que pasaría se un goberno encetase medidas que destruísen a industria do viño, ou dos coches, ou os astaleiros ou calquera outro sector productivo galego?
Que sairiamos todos á rúa, cheos de carraxe, para protestar porque sabemos que iso sería destruír familias, promover máis paro. E que o noso traballo é irrenunciable e que hai que protexelo.
¿Pero que pasaría se un goberno decidise promover unha lexislación que vai contra da lingua propia do país reducíndolle considerablemente espazos esenciais como son o ensino, as oposicións á función pública, os medios de comunicación, etc.?
Pois, daquela, sairiamos algúns á rúa porque a moitos lles importa un carallo de mico, con perdón, que a lingua de nós, que é nosa, se perda. As praias non, as árbores non, a pesca, o viño… todo iso non. Pero o galego, iso non importa, iso, que máis dá. Para moitos galegos iso non é algo galego.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.