Por seguir co asunto de onte, a vulneración do sentido verdadeiro das palabras, cómpre que deixemos claro que o que nos están pedindo non é un sacrificio, que cedamos polo ben xeral, que entendamos que agora hai que apertar o cinto. Non é certo. Para nada é certo. O que están a pedirnos é que nos rendamos, que claudiquemos, que asumamos para sempre a derrota, que aparquemos e consideremos imposibles os grandes logros da civilización occidental (a sanidade gratuíta e universal, a educación gratuíta e universal, a atención gratuíta a quen o necesita e non pode valerse, o subsidio a quen traballou e agora non pode seguir traballando polo motivo que sexa, o sustento na xubilación…). Para levar adiante esa estratexia usan, ademais, o medo, é dicir, conectan coa nosa parte máis irracional e manexable.
Pero hai que matizar as cousas.
Hai que emitir, creo, outros discursos.
Sobre todo, porque nós sabemos a verdade.
E sabemos que todos estes axustes son para salvar as grandes fortunas, ás grandes corporacións multinacionais que gobernan de verdade o mundo, para salvar á banca. Sabémolo. Poden contarnos o que queiran, no volume que queiran, do xeito que queiran. Poden largarnos a milonga que lles apeteza, pero sabémolo e non poden enganarnos. Outra cousa é que custe tanto que a xente o entenda. Incluso, creo que a xente pasa de todo e non lle interesa sabelo. Pero é así aínda que nos libros de historia do futuro escriban outra cousa.
Esta manobra mundial do Capital (mira que me amola expresarme nestes termos tan vellos) é un plan perfectamente orquestrado para que a clase media e todo o que está por debaixo, é dicir, o 99 por cento da poboación, perda o que custou tanto gañar.
Porque os que mandan, os que o fan de verdade, non nos queren, non cren na solidariedade, non apostan por un mundo en igualdade, están convencidos de que son mellores e, xa que logo, certos de que non merecemos nada.
Así que haberá que sacrificarse. Non haberá unha Seguridade Social absoluta para todos e gratuíta. E como haberá quen non a poida pagar, que morran. Que se sacrifiquen e que morran. Os pobres, os inmigrantes, o lumpen social que os señoritos odian. Todos eses. Que morran.
Haberá que sacrificarse. Hai que replantearse iso do ensino obrigatorio. Quen queira estudar, que pague. E se non poden, sempre poden traballar como escravos nas súas fincas con piscina. Necesitan xente sen formación para que traballe nas súas piscinas e lles coiden das crianzas que non queren atender porque teñen esta finde campionato de pádel ou como carallo se escriba.
Haberá que sacrificarse. E nada de cobrar o paro. Se un non ten traballo, amiguiño, o darwinismo é o que che ten. Os mellores sobreviven. Os burros van ao paro. Que é iso de que teñan que quitarme cartos para axudalos?, pensan. Que medra a violencia, o alcoholismo, a desesperación por mor desa estúpida, inxusta, inmoral, medida? Que se aguanten. Non é o seu problema.
Falemos claro e digamos as cousas como son. Non é sacrificio. Pídennos rendición, que deamos voluntariamente un paso atrás, que cedamos para sempre, que nos entreguemos coas mans en alto e os pantalóns baixados. Levo dicíndoo anos: en pouco tempo, quen cobre 500 euros sentirase un afortunado aínda que non teña vacacións, médico ou vivenda. E menos mal, dirán, que teño traballo.
Na época da escravitude non había negros no paro…
Non renunciemos. Non nos rendamos. Que nos demostren que a banca vai gañar menos porque vai sacrificarse. Que nos demostren que as grandes fortunas amasadas a través da explotación (sabemos o nome e apelidos das ilustres empresas esas) van pagar soldos dignos e van sacrificarse. Que nos demostren que non van gastar un peso en mercar armameto. Que nos demostren que van obrigar á igrexa a contribuir como todo o mundo.
E cando me teñan demostrado que todos eses tamén se sacrifican, que veñan falar comigo. Eu son un tipo racional e seguro que chegamos a un acordo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.