menu Menu
OS BEATLES E PHILEAS FOGG
O grupo de Liverpool e o viaxeiro de Verne eran veciños
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 26, 2023 0 Comentarios 3 min lectura
Luísa Villalta, novo verso atronador Anterior Non se pode derrogar a memoria Seguinte

Os que andamos cos Beatles na cabeza, coleccionamos obxectos que lles pertenceron, mercamos todos os libros, todos os discos, e toda clase de trangallada relacionada con eles, andamos tamén sempre cunha lupa posta para detectar, onde sexa, datos relacionados con eles directa ou indirectamente.

Por iso, lendo estes días ese magnífico estudo titulado Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20.000 leguas, que asina José Garabatos e que publica a Sociedade Jules Verne de Vigo, da que teño a honra de ser membro, éncheseme o corazón de gozo cando se conta aí, ao falar do preto que Phileas Fogg, o viaxeiro de A volta ao mundo en 80 días, vivía de Vigo Street, que en realidade, o intrépido viaxiero residía en Savile Road. Concretamente, no número 7.

A calquera persoa normal, este dato non lle chamaría especialmente a atención. Verne facía vivir ao seu protagonista nunha distinguida rúa londinense (sempre foi coñecida como “a rúa dos sastres”, ou sexa, o lugar a onde os elegantes cabaleiros british ían confeccionar os seus traxes), e iso, de primeiras, non debería ter nada de especial. Pero, redundo, cando tes aos Beatles na cabeza, colecionas obxectos que lles pertenceron, mercas todos os libros, todos os discos, e toda clase de trangallada relacionada con eles, pois iso, que andas alerta coma un papón e, daquela, reaccionas. Porque en Savile Road, concretamente no número 3, é dicir, na mesma rúa e na mesma beirrarúa, só separados por un edificio, os Beatles van montar a súa empresa, Apple Records, e, no tellado do seu edificio, tocarán por derradeira vez diante de público, no concerto da mítica terraza que todos temos na memoria.

Así pois, de Phileas Fogg sacar a cabeza pola ventá, podería ver a John, George, Paul e Ringo en esforzado concerto despedíndose, para sempre, do seu público que tanto os quixo.

Estou certo de que este dato, que non sei se coñecerían os Beatles, lles gustaría, sobre todo a John Lennon, que era un grandísimo lector. Obsesionado con Poe e Carroll, coñecía moi ben os clásicos da literatura universal e non é difícil maxinalo na infancia viaxando con Fogg arredor do mundo en 80 días. Ou a Paul, que quería ser profesor de Lingua e Literatura Inglesas se non fose que o rock and roll se lle cruzou no seu camiño, e que tamén estivo sempre moi relacionado cos grandes poetas do seu tempo. Ambos os dous, por certo, teñen publicadas obras literarias de distintos tipos.

En fin, parvadiñas beatlemaníacas que nos fan felices a algúns cantos millóns de persoas no mundo.

20.000 leguas baixo dos mares jules verne saville road the beatles


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar