Como son un escritor galego teño escrito no VITRASA, que é como se chaman os autobuses en Vigo, no móbil, suxeitado entre dúas señoras coas bolsas do GADIS. Son quen de ter unha man agarrando a barra superior e a outra no trebello onde grazas á aplicación de WORD retoco as miñas novelas maravillosas. Teño esnafrado contra do chan logo dalgún freazo sorpresivo. Pero eu, escribo.
Como son un escritor galego teño escrito algunhas das miñas magnas obras coas miñas crianzas en brazos, durmidas. Teño fotos que poden testemuñalo. Eu escribindo a Gran Novela Galega cunha pequena nos brazos tentando que arroute logo do aleitamento ao tempo que decido o destino dos personaxes.
Como son un escritor galego, teño escrito no parque infantil no iPad, cun ollo posto no balambán, preocupado de que non se me escaralle a proxenie e con outro na pantalla, escribindo parágrafos dunha beleza indiscutible froito do meu talento tan recoñecido.
Como son un escritor galego, levo sen durmir oito horas dende hai uns trinta anos máis ou menos. Erguéndome cedo para poder facer páxinas mentres o resto da casa, a xente normal, dorme. Nesas horas temperás eu miro para a cama e ela mira para min como dicíndome, parvo, estás acabando coa túa saúde. E todo, pola literatura galega.
Como son un escritor galego, cando viaxo por motivos de traballo (e viaxo moito) sacrifico momentos de turisteo por quedar no hotel para seguir escribindo. Que lle dean a monumentos, museos e posibles ligues estranxeiros. Teño que escribir agora que podo.
Leo biografías de grandes escritores da literatura universal, vexo documentais e incluso biopics sobre elas e eles. Todos, nalgún momento, sentiron a forza arrebatada da paixón pola escrita, esa forza que che fai pensar: teño que deixalo todo e escribir, escribir, escribir como se non houbese outra cousa no mundo. E leo e vexo e estudo e reflexiono e entendo que todos eles puideron facelo. Incluso, que moitas e moitos escritores en español poden facelo. Pero que nós non podemos. Que temos que buscar o tempo para escribir debaixo das pedras do parque, onde tantas hora botamos, ou entre as faragullas de po grisallo que hai no filtro do aspirador.
Así somos, as escritoras e escritores deste país.
Heroes e heroínas.
(este artigo foi publicado no semanario Sermos Galiza o pasado 31 de maio de 2018)
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.