Onte participei con Marta Dacosta e Carlos Quiroga, moderados polo grandísimo escritor portugués Vergílio Alberto Vieira, nunha mesa redonda baixo do título Letras da Galiza na Feira do Libro de Barcelos. A cousa foi máis que ben. Cheo de público. Debate animado. Moito agarimo por parte deles e delas. Opinamos. Revolucionamos o mundo. Limos textos. Ceamos de marabilla. Coñecimos xente interesante.
Pero non é diso do que quero falar, senón dun asunto que me sorprendeu, como é que en Portugal a programación das feiras do libro concéntrase durante a noite. Para que vos fagades unha idea, comezamos sobre as dez hora local, é dicir, as once de aquí. E estivemos a darlle ata moito tempo despois da media noite. Na feira, mentres, animación de rúa, e a carpa dedicada aos pequenos e pequenas, chea de crianzas pintando uns, escoitando un espectáculo de contacontos, outros.
Ou o que é o mesmo, que igual teriamos que replantearnos por aquí as cousas e facelas ao xeito portugués, porque quizais non é a mellor idea do mundo meter un acto ás sete da tarde nunha feira galega, en pleno verán, coa posibilidade tentadora da praia por aí. Eles pensan na noite. Os stands están abertos todo o día igual, pero deixan a vida cultural da feira para cando o sol xa marchou e apetece saír terracear (estabamos rodeados de xente tomándolle algo) e, como na feira hai programa para cativos e non tan cativos, entrar na carpa e ver de que se fala e, se cadra, mercar uns libriños.
Coido que nisto, como en tantas outras cousas, deberiamos aprender dos portugueses.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.