Hoxe, 18 de setembro de 2023, presentei a miña dimisión como Director Xeral da Editorial Galaxia onde entendín que non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores. Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas. Asemade, a miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como Director Xeral.
Galaxia é moito máis que as persoas que a lideran. É un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais. Se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve. De momento, toca non facelo desde un posto de responsabilidade nunha editorial que sempre considerarei a miña casa, pois os proxectos nobres e as institucións culturais permanecen, mentres que as persoas pasan.