menu Menu
DESPOIS DO GALEUSCA 2010
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Novembro 1, 2010 0 Comentarios 4 min lectura
VEÑO DE FACER TESTAMENTO Anterior Facerse rico escribindo Seguinte

Sempre é un pracer enorme participar no Galeúsca, o encontro anual de escritores/as galegos, vascos e cataláns. É o terceiro ano consecutivo para min (no 2009 en Arántzazu e antes en Valencia) e espero que haxa moitos máis. A pesar dos problemas orzamentarios, a pesar de que nos vexan dende as adminitracións todas como tipos perigosos (claro, coño, escribimos, dámoslle a cabeza, procuramos a beleza, andamos perseguindo mundos alternativos… ¿como van financiarnos nada?), a pesar de todo iso rezarei, eu que non creo en nada, porque sigan existindo Galeúscas que nos permitan aos escritores e escritoras destes tres países con lingua minorizada, xuntarnos para, cando menos, sabermos que nesta loita non estamos sós.

Perdinme o primeiro día, pero puiden asistir o segundo, para a mesa arredor dos novos e vellos soportes, temáticas que, por obvios motivos, interésame moito (falarei en dúas semanas sobre isto en Porto). Participaron, sempre interesantes, Marcos Calveiro, Guillem-Jordi Graells e Nikolas Zimarro, para min, este último, todo un descobrimento. A súa ponencia foi dunha beleza dificilmente describible aquí: unha reflexión fonda, de alto nivel, literariamente moi ben escrita, arredor do que significa escribir. Para min, como escritor, lela de vagar (xa o fixen dúas veces) é todo un agasallo.

Polo demais, moito debate, en especial por parte dos galegos e galegas. Podería parecer que era porque xogabamos na casa, pero non. Nas miñas dúas anteriores experiencias a cousa foi exactamente igual. Quizais porque, fronte dos compañeiros cataláns, que teñen un país detrás que os sustenta, a nosa realidade, como a dos vascos, é a do que anda a remar todo o tempo contracorrente. Pero ese é o  noso problema máis grande: non temos un país detrás. É durísimo o que estou a escribir, pero veredes, xa teño uns aniños como para que o politicamente correcto me importe un carallo. O noso problema máis grande non é que o PP non vaia darnos un duro nunca máis para recitais, publicacións ou actividades culturais en galego de calquera clase. O noso problema non é Galicia Bilingüe nin que os medios de comunicación tradicionais nos ignoren. Eses non son os nosos problemas aínda que sigamos a falar todo o día disto. O noso problema é que a sociedade civil pasa do galego e do que recenda a galego. Non lle preocupa. Non lle importa. Como se morremos. Aquí o gran problema non é que a Xunta promova actividades para que os escritores e escritoras de Galicia nos coñezan fóra (ás veces noto a compañeiros e compañeiras do gremio especialmente obsesionados con iso), senón que do que se trata é de que nos coñezan os veciños de aquí, que os galegos e as galegas saiban que aquí se fai unha literatura tan boa e tan  mala como no resto do mundo.

Por iso, precisamente por iso, digo que o que temos é que nos esforzar en seducilos e seducilas. Porque aínda que dende as institucións non vaian apoiarnos en absoluto, eu vou ter que escribir novelas igual de boas, poemas igual de xeitosos, literatura igual de excelsa que se me apoiasen os conselleiros todos. Eu non podo seguir chorando. Eu teño que escribir tan ben tan ben tan ben tan ben, que remate espertando o interese de moita xente de aquí, que quizais termine mercando os meus libros.

O mellor, ademais do debate, o recital poético a cargo do xa citado Zimarro, Miquel Bezares e as galegas Olalla Cociña e Dores Tembrás. O epílogo púxoo a voz e o sentimento de Xabier Díaz.

Eu marchei, no medio do temporal, para Vigo, orgulloso da vitalidade da literatura galega. Desexando chegar a casa para escribir e escribir e escribir. Porque iso é o único que importa.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar