menu Menu
EPI E BLAS SON GAIS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Agosto 14, 2011 0 Comentarios 3 min lectura
AS FESTAS MOI GALEGAS Y OLÉ Anterior DEIXÁDEME SER IMPÚDICO Seguinte

A proba de que vivimos no disparate é que, diante dunha campaña en facebook para que Epi e Blas saian do armario, posto que segundo os promotores da iniciativa, son gais, a produtora de Barrio Sésamo lanzou unha nota de prensa dicindo que non o son, que só son bonecos e que os bonecos non teñen orientación sexual.

En realidade non vou escribir sobre isto, que no fondo é unha parvada (outra cousa sería que me parecería ben que nos produtos televisivos para nenos e para nenas houbese claramente parellas homosexuais, por que non), porque, o que quero dicir é que os bonecos SI que teñen orientación sexual. E tanto que a teñen. Ou non crecimos cos Madelman e outros guerreiros  machotes que nos dicían como había que ser para ser un home?, ou non medraron as nenas recibindo un patrón de feminidade, de comportamento modoso, de parvura, en fin, a partir de practicamente todas as bonecas habidas e por haber (e é tristísimo constatar como isto non cambiou nadiña a pesar do paso do tempo), e sobre todo, a partir da máis parva de todas, a Barbie estúpida e nocivísima?

Os bonecos, como todo (os anuncios para nenos e para nenas, as cores da roupa, as maneiras de sentar, a percepción adulta diante dos quilos que adquiren os corpos duns e doutras…. todo, absolutamente todo está marcado sexualmente), teñen servido, en especial no caso das nenas, para transmitir un modelo de comportamento vital e, consecuentemente, sexual en xeral digamos que pernicioso e contrario ao goce e á liberdade. Os anuncios das bonecas (mirade calquera anuncio, tanto ten), insisten en transmitirlle ás nenas (e polo tanto aos nenos, que non se consideran receptores deses anuncios) a idea de que deben ser amas de casa, que só deben preocuparse da apariencia, da cociña, de cambiar cueiros… en definitiva, os anuncios das bonecas transmiten unha idea de muller que se relaciona inevitablemente cun comportamento sexual modosito, conservador, convencional, ordenado… No fondo, transmíteselles, para que o interioricen a través do xogo, unha idea referida a que deben ocupar un papel secundario, limitado, menos importante. Que non son suxectos senón obxectos (do home).

No fondo, importa un pemento se son gais ou non Epi e Blas. O que realmente importa é cambiar, dunha vez, os estereotipos que fan que o camiño cara a igualdade estea aínda tan lonxe do que nos gustaría.

( Todo isto, por certo, lémbrame a cando hai uns anos publiquei, no meu libro de relatos eróticos Xeografías, un relato protagonizado polo que quizais é o único boneco que pode laiarse de ser home-obxecto, un complemento, unha parte sen valor, precisamente, dunha boneca. Refírome ao pobre Ken, o mozo da Barbie. Na miña perversa imaxinación fixen que lles saísen, xusto no medio das pernas, precisamente iso que os que non somos bonecos temos xusto  no medio das pernas e que tanta felicidade nos proporciona.

Cando menos, os meus dous bonecos si que tiñan a súa sexualidade ben clara.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar