A estas alturas xa todo o mundo sabe, porque a prensa o comentou dabondo estes días, que a Universidade Nacional de Educación a Distancia, ven de negarlle ao profesor, crítico literario e investigador cangués, Héitor Mera, ler a súa tese de doutoramento arredor da obra de Bernardino Graña, na que leva anos e anos traballando, por estar redactada en galego.
Incriblemente, nas universidades españolas un pode defender a súa tese en inglés ou en calquera outra lingua na que a tese fose redactada e dirixida. Sen embargo, en galego, na UNED, non. A pesar de tratar sobre un poeta galego.
O asunto, agora, está nas mans dos políticos. E esperemos que non chegue a cousa aos tribunais.
Hoxe falei con Héitor para transmitirlle solidariedade e ánimo, pois a súa non é, desde logo, unha situación gozosa. Son moitos anos de traballo agora entorpecidos e perigosamente parados por un atropelo que, coma tantos, nace da ausencia de lóxica.
Espero que o caso de Héitor Mera serva para abrirlle a porta ao galego nunha universidade que, aínda que sexa a distancia, é tan universidade coma as demais e, xa que logo, é mantida ( incluídos os soldos dos seus directivos ) con impostos, tamén, galegos.
E xa que estamos, neste punto da historia, ademais de desexar que todo se solucione para ben, agardo, ademais, que todos eses colectivos que din que loitan pola liberdade de estudar en castelán ou en galego, e que loitan por poder escoller o ensino, tamén en castelán, desta vez, se pronuncien a favor do noso estudoso e loiten para que el poida completar o seu exitoso curriculo académico, tamén, en galego, e non obrigatoriamente en castelán.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.