Hai un par de días, comendo en Madrid cun grupo de editores, autores, ilustradores, etc., xurdiu, inevitablemente, a pregunta referida ao que estabamos lendo. Eu, como son dos que len varias obras ao tempo, dixen que respostaría ao final. E fun oíndo: case que todas e todos citaban obras que eran moi recentes nas librerías. Decateime de que estaban moi pendentes das novidades editoriais e de que cada título recente que alí se citaba axiña era comentado positiva ou negativamente polo resto dos comensais…
Cando chegou a miña quenda, case que pedín perdón antes de falar, pois recoñecín que, dende hai un tempo, invisto case que todo o meu tempo de lectura nos clásicos. E máis que nos clásicos, naqueles textos que me fixeron vibrar o corazón cando era neno. E expliquei que estaba a pasalo moi ben cona A illa do Tesouro, de Stevenson, e que toleaba escoitando a descrición de Jim Hawkins a bordo do barco no que vivía, morto de medo, a súa aventura canda Long John Silver. E que polas noites entregábame a este libro, do que xa sei o final pero do que gorento tanto pola súa arquitectura interna.
Xa contei moitas veces o arrepentido que estou por ter perdido, nalgunha das mudanzas, a miña colección de Joyas Literarias Juveniles, que tanto ben me fixeron na infancia. E lembrei as edicións de Bruguera, que aínda conservo na casa dos meus pais, aquelas que eran medio banda deseñadas, medio historias e que me trouxeron a Salgari e Verne e Dickens…
Daquela, unha das que estaba alí comigo, sorríndome, abriu o seu bolso e sacou un exemplar dun libro de Verne, nunha vellísima edición de finais dos setenta dunha obra de Verne en Bruguera. Explicou que era a súa lectura agora. E que quería só ler ese tipo de libros…
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.