Dentro da grande mentira esta que nos están a contar, é dicir, o da crise (¿deixan os ricos de ser ricos?, ¿deixa a Banca, así, en global, de forrarse?) hai un punto bestial de hipocrisía que non debemos deixar de denunciar.
Porque se fala, e sen pudor, de que hai que recortar gastos sociais (como se isto fose jauja), e de que non pode haber café para todos (como se algunha vez houbese) e que hai que apertarse o cinturón e ailaleo e ailalalo. E veña, imos aceptar todo iso, que si, que é verdade, que se non o facemos isto vai ser un desastre aínda máis gordo. Que si.
Pero que alguén me explique, neste contexto de desastre colectivo, por que non se tocan os gastos militares. Que neste 2010 foi só de 18.160´89 millóns de euros, ou o que é o mesmo, un 9.8 por cento dos Orzamentos Xerais do Estado.
O que se podería chegar a facer con semellante cantidade de cartos eu non son capaz de sabelo. Mais si que sería moito. Escoito a alcaldes dicindo (o outro día nunha emisora) que se hai que deixar fóra os actos culturais, pois que se deixan, que hai outras prioridades. Haberá. E escoito falar a economistas dicindo que iso de pagarlle as vacacións aos xubilados pois que xa non máis. Terá que ser. Porque non hai cartos. Pero si para seguir mercando máquinas de matar.
Será porque estamos ameazados (que si, que o estamos, pola estupidez e a mediocridade).
Pero xa sabedes o que pasa: que cando un di este tipo de cousas axiña aparece alguén dicindo que isto é demagoxia.
Será demagoxia. Pero eu prefiro pensar que é sentido común.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.