menu Menu
QUE FAGAN O QUE LLES GUSTA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Maio 3, 2008 0 Comentarios 2 min lectura
A LITERATURA APAIXONANTE Anterior GRAZAS Seguinte


Hoxe vin unha entrevista na televisión con Dustin Hoffman. Respondía ás preguntas duns estudantes de arte dramática. Preguntábanlle sobre a profesión, como preparar un papel e cousas así. Contra o final, unha rapaza explicoulle que tiña medo de seguir adiante con eses estudos porque era moi difícil vivir diso e que sería máis lóxico estudar calquera outra cousa máis productiva e con máis saída laboral. O actor lanzoulles un discurso inflamado de ánimo, dicíndolles que el era actor desde sempre, e que de non trunfar en Hollywood seríao igual nunha pequena compañía nunha vila ou onde fose. Pero que era actor. E que non hai que pensar no traballo, nin nas saídas, nin en nada diso. A frase que quero traer aquí é a derradeira da súa resposta: facede o que vos faga felices, o que vos pida o corazón porque, senón, remataredes tolos.
Mentres saían os créditos da entrevista eu dáballe a razón ao Hoffman. Claro que si. Durante 19 anos fun profesor e, en moitos cursos, titor dos rapaces e rapazas que marchaban á Universidade. Cando se planteaban estas situacións, incluso ás veces con familias excesivamente “realistas” ( que a nena faga algo con saída, que o neno estude unha carreira con futuro ), e cando había desacordo entre o que os futuros adultos (soñadores ) e os adultos/pais (entregados ao posibilismo ) mantiñan, eu sempre dicía o mesmo: deben de facer aquilo que lles faga felices.
Recordo isto e remato.
Eu son escritor. E durmo pouco para escribir. E pelexo cos folios, ás veces, durante meses ou anos. Case que sempre, para obter nada ou moi pouco do que me sinta orgulloso. Unha páxina feliz. Un verso inspirado.
Pero de non ser isto que son estaría tolo.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar