As ideas máis revolucionarias chegan no intre menos esperado.
Este serán, por exemplo, fun, como tantas tardes, coa miña pequecha ao parque. Estabamos alí só outra nai e eu. Uns cinco cativos e cativas máis, pero as súas nais/pais vixiaban dende os bancos. Escoito falar á outra nai. Fala galego. Eu falo coa miña nena. En galego. De súpeto decátome de que todos os adultos que estamos no parque, rodeados de nenos e de nenas, falamos en galego. Déronme ganas de lle dicir á outra muller que tiñamos que decidir quen dos dous iamos pasarnos ao castelán, non fose aparecer alguén por alí e nos culpase de “ideoloxizar” aos infantes ou algo así.
Uns dez minutos despois apareceu un avó co seu neto. Faláballe nun fermoso galego do máis natural.
Excitadísimo, pensei que estaba a soñar. ¡Vivía nun país normal! Nos parques suecos falarase sueco, nos parques ingleses inglés, e nun de Vigo, galego.
E daquela, ao tempo que espertei porque entraron unha manchea de nais (as dos bancos) cos bocatas para os seus retoños, falando todas nun castelán con acento galeguísimo das Rías Baixas, tiven a idea luminosa:
Se resulta que a meirande parte dos pais/nais galegos queren un ensino en castelán,
Se resulta que o PP di que hai que respectar a vontade das maiorías, que iso é liberdade e democracia
Daquela, o único que cómpre é conseguir que os que falamos sempre en galego aos nosos vástagos e vástagas teñamos unha manchea de fillos e de fillas.
Así seremos maioría e, exercendo a nosa liberdade e democracia, os do PP primarán o ensino na nosa lingua.
Botei un cálculo así polo aire e decateime de que, se cada parella galegofalante ten unha media de quince fillos e, estes, á súa vez, outros tantos, en dúas xeracións somos democraticamente unha lingua liberada.
Así que xa saben.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.