menu Menu
Diario dun náufrago 17 (Un orgasmo total)
12 de decembro de 2019
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Diario dun náufrago en Decembro 11, 2019 0 Comentarios 3 min lectura
Falando galego en Nova York Anterior Paseo literario en Vigo arredor de TES ATA AS 10 Seguinte

A semana pasada estiven na Feira Internacional do Libro de Guadalajara. O meu hotel estaba relativamente preto da FIL así que ía e viña a pé varias veces ao día. E todos e cada un das xornadas que estiven alí, dei cun home de aspecto farrapento, de guedellas sucias e despeiteadas, barba lacia e irregular que, cun micrófono conectado a un amplificador, falaba e falaba sen parar diante do cento de persoas que, ininterrumpidamente, entrabamos e saiamos do recinto. Estaba alí na entrada. Falando e sen que ninguén lle prestase a máis mínima atención.

A primeira vez, coma o resto, non lle fixen caso, pero a segunda e sucesivas, atendín ao que dicía. No básico, falaba, arrastrando as verbas e coa lingua patinando dentro da boca (para min que a botella de mescal que tiña detrás do amplificador algo tiña que ver) da verdade.

-Que nadie se piense que la verdad es un camino fácil. La verdad es un lugar al que se llega después de mucho esfuerzo.

Dixo iso e eu entrei na Feira a traballar pensando na súa sentencia. Pareceume lóxica e, como vello estudante de Filosofía, moi atinada.

-La verdad no viene a ti. Tienes tú que ir a por ella -dicía cando eu saía da Feira camiño do hotel.

Marchei preguntándome de que falaba aquel tipo. De relixión ou de epistemoloxía?

Foi así cada día. E foron catro os que botei escoitándolle falar da verdade e do espiñento camiño que leva a ela.

O último día, pareceume que se movía máis do normal. Como se lle custase manter o equilibrio. Observei que había varias botellas baleiras detrás do amplificador. Escoiteino falar e, si, sen dúbida, estaba coma unha cuba.

Case que non se lle entendía nada do que falaba. Así que parei diante súa para concentrarme máis.

Fitoume:

-Créeme, pendejo: la verdad es como un gran orgasmo que viene y que te desmaya de placer. Es algo así. Un orgasmo total. Si la sientes, te mueres de gusto.

Soltoume iso e deu a volta para pillar a botella e metela na boca.

Cando rematou a miña xornada, saín como cada día camiño do hotel. O home estaba tirado no chan preto das escaleiras de entrada da Feira, rodeado de botellas. O micrófono, no chan. Todos camiñaban esquivándoo como se fose, probablemente o era, un ser invisible.

Estaba probablemente durmido. Achegueime a el e observei o seu ricto de felicidade. Abriu un ollo e sorriume. Estarricouse como se estivese espertando ou regresando dun lugar feliz. Con cara de orgasmo total.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar