De pequeno non me levaban ás cabalgatas de Reis. Sempre se me agasallou moito ese día, é ben certo. De feito, fiquei moi sorprendido cando me botaron a bicicleta porque eu non a pedira. Tiña seis anos e aí é cando comecei a sospeitar. Daquela, na miña infancia, o ambiente de Reis nunca se vivíu con moita intensidade, por non dicir que con ningunha intensidade.
E debe de ser por iso que agora o vivo con ilusión, e levo aos cativos a todas partes, ao Carteiro Real, e a todas esas cousas.
Onte, antes da cabalgata, no portal do edificio, esperando polos meus, estaban xogando un rapaz e unha rapaza duns cinco anos aproximadamente. Ela, moi espelida, faloume toda seria:
– Puez yo voy a ir con mi papá y mi mamá ahora a la cabalgata de los Reyes.
– Eu tamén -contestei coa mellor das miñas caras. E de seguido engadin – de feito, teño unha chamada de Melchor para que non falte.
Foi dicir iso e os dous cativos abriron os ollos apampados e deron un par de pasos cara min. Eu, impertérrito.
– ¿Te llamó Melchor por teléfono?, ¿zi? – dixo a pequena.
Saquei de móbil.
– A ver, espera – comecei a facer como que tecleaba, e, nun murmurio, como se falase para min- últimas chamadas…. non, non foi Melchor, foi Baltasar.
Os dous tiñan a boca aberta e, sen dúbidas, non sabían que dicir, así que seguín:
– É que hai uns anos tívenos merendando na casa antes da Cabalgata e así nos fixemos amigos e agora sempre me chaman.
A cativa aclaroume que Baltasar era o seu favorito. Eu rematei a conversa dicíndolle que estivera tranquila, que xa eu lle lembraba que non se esquecera de pasar pola súa casa.
A miña familia baixou e marchamos á Cabalgata. Eu, rindo por dentro pola miña fedellada.
Cando rematou, decidimos achegarnos ata as Súas Maxestades. Cando por fin chegamos, vin á meniña baixando dos xeonllos do Rei Baltasar.
Mentres outro cativiño se achegaba, el díxolle á nena do portal:
– E vai tranquila, que xa un amigo me dixo que non me esquecera de pasar pola túa casa.
A nena, ao se cruzar comigo, sorriume toda chea.
Eu marchei para casa, alucinadiño perdido.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.